A Consellaría do Mar mantén o silencio fronte os 78.000 € cobrados irregularmente por Benito González Sineiro

rosabenito-300x199

Rosa Quintana e Benito González Sineiro

A Asociación Galega de Mariscadoras/es esixiulle, como paso previo a futuras accións xudiciais e administrativas, á Consellaría do Medio Rural e do Mar que se pronuncie definitivamente diante dos feitos que denunciou xudicialmente AGAMAR en Outubro do ano pasado contra a Federación Galega de Confrarías e o seu presidente Benito González Sineiro. Na denuncia, admitida a trámite, revélase a percepción indebida de caudais públicos e retribucións monetarias de xeito irregular, sen que ata agora exista constancia dunha devolución integra e sen que exista ningún tipo de actuación ou pronunciamento da conselleira Rosa Quintana.

Meses de pasividade e irresponsabilidade por parte dunha Consellaría que supón a principal fonte de financiamento da Federación e que, polo tanto, debe ser quen fiscalice e controle o correcto uso destes fundos públicos, vinculados directamente aos orzamentos xerais da Xunta. Para despexar unha presunta conivencia, a conselleira do Mar ten a obriga, legal e moral, de esclarecer e xustificar todos estes cobros irregulares. Rosa Quintana debe responder con absoluta transparencia e non só diante da fiscalía ou da intervención xeral da Xunta senón tamén fronte a todas e todos os produtores galegos que na actualidade están a sufrir os efectos da crise xunto cos recortes públicos.

Ao tempo que se promoven estes recortes orzamentarios, que paralizan o sector, a mesma Xunta de Galicia non investiga estas presuntas actuacións irregulares. Irregularidades que repercuten negativamente no peto de todos os asociados e en beneficio de determinados particulares como é o caso do señor Benito González Sineiro.

Retribucións irregulares e non xustificadas

Nas contas presentadas pola Federación Galega de Confrarías de pescadores dos exercicios 2008, 2009 e 2010 aparecen recollidos pagamentos a González Sineiro dun total de 78.325,33 € baixo o concepto de “retribución”. Unha posibilidade que está expresamente prohibida na normativa galega que regula as confrarías, e a súas federacións provinciais e galega, e que se sitúa baixo a tutela da administración galega. Hai que ter en conta que debe ser esta propia administración, neste caso a Consellaría do Medio Rural e Mar, a que vele e responda diante do compromiso co “principio xeral da gratuidade, profesionalidade e austeridade” no desempeño destes cargos, só coa excepción do cobro de indemnizacións ou cobros concretos e detallados que deriven directamente do servizo.

Na mesma documentación contable aparecen tamén recollidos outros importes, que poden ascender a case 90.000 € neses tres anos, que se sumaban á cifra anterior e que aparecen como “dietas, desprazamentos, viaxes, comidas e hoteis”. Contías que non serían ilegais de estar debidamente xustificadas documentalmente e de estar vinculadas ao desempeño da actuación como presidente da Federación.

Sobre agamar

AGAMAR (Asociacion Galega de Mariscadoras/es), é unha asociación de ámbito estatal que nace en 1998 ca idea de reunir no seu seno a tódalas mariscadoras e mariscadores de Galicia e darlles así unha voz común dedicada á consecución dos obxectivos do sector, mediante a articulación de diversas líneas de actuación:

http://www.agamar.es

Publicado en Uncategorized | Deja un comentario

‘Estratexias contra o Mar’ un artigo de opinión de Manolo Maneiro

maneiro-150x150

Manuel Maneiro

Nos últimos anos a administración galega está funcionando como un dos elementos máis destrutores do sector do Mar cando, paradoxalmente, debería ser un dos principais dinamizadores desta actividade económica. A conselleira Quintana está mostrando unha deixadez pasmosa diante de todos os problemas aos que na actualidade nos temos que enfrontar todas e todos os traballadores do noso mar. Incluso ás veces podemos falar de verdadeiras tentativas de afogo administrativo, encontrándonos nun momento no que a administración galega semella estar traballando para que se consume, canto antes, a desaparición do sector.

Podería ser que esta afirmación semellase pouco crible ou catastrofista senón fose porque os feitos e actuacións da Consellería non fan mais que reforzala. Unha das probas mais importantes pode ser a propia fusión da Consellaría do Mar coa de Medio Rural, desdebuxando o perfil propio de dous sectores básicos para a economía galega. Baixo unha suposta procura da eficacia o que realmente se está a conseguir é un estrangulamento da administración galega, se antes tíñamos unha conselleira, que non funcionaba aínda que ‘só’ tivese que atender a un sector, agora a mesma persoa é responsable de outra área de goberno, Medio Rural, de similar tamaño e importancia para Galicia. Aínda que non queda aquí a cousa, as decisións de carácter organizativo non son as únicas que están a prexudicarnos, moitas das actuacións da consellería poden levarnos a pensar que hai como unha especie de estratexia contra o sector que se manifesta en diversos episodios acontecidos nos últimos anos.

Sospeitas que se reafirman cando asistimos a feitos como o de non pagar os propios convenios asinados pola Consellaría, non pagar tampouco aos provedores, eliminar as axudas ás xubilacións ou aumentar as trabas administrativas, non é de estrañar que se poda pensar na existencia desta estratexia predeterminada contra o sector. Exemplos concretos hai moitísimos, como o da eliminación do seguro colectivo de accidentes, que desde principios dos 90 beneficiaba a máis de 30.000 traballadores e traballadoras, e que a actual Conselleira non quixo renovar obrigando a contratar un seguro previo pago. Outro exemplo poderían ser as zonas de libre marisqueo da que a Xunta non se quere facer cargo indo novamente contra os intereses xerais do sector.

Desde o sector non podemos compartir esta liña de actuación que vai provocar que deixemos pasar unha das grandes oportunidades que se nos presentan coa crise: a de tratar ao marisqueo e á pesca tradicional como unha oportunidade e non como un problema. A nosa actividade económica é fundamentalmente produtiva, crea postos de traballo no país e ten capacidade de captar capital foráneo posto que o seu potencial de exportación está mais que demostrado. Ademais, non podemos descoidar tamén a importancia medio ambiental e social que ten o sector primario, unha terra e un litoral ‘traballado’ sempre será mais respectado e coidado pola poboación fronte ao abandono ou sobrexplotación que por desgraza comezamos a padecer nalgúns puntos do litoral ou interior galego.

Publicado en Uncategorized | Deja un comentario

Reportaje Antena 3 a Mariscadora De Noia

Publicado en Uncategorized | Deja un comentario

As mariscadoras galegas ven garantidas, despois de 7 anos de reivindicacións, as súas pensións de xubilación

Monumento ás mariscadoras7anosxubilación-300x160

A Asociación Galega de Mariscadores, (AGAMAR), manifesta a súa satisfacción polos contidos da Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, feita pública o pasado día 10 de Agosto, no que se establecen as bases reguladoras das axudas para que os mariscadores a pé poidan completar os períodos mínimos de cotización ó Réxime Especial dos Traballadores do Mar co obxecto de acadar pensións de xubilación. Esta norma recolle a parte central das reivindicacións que desde hai sete anos viña demandando AGAMAR, como principal impulsora nas melloras das condicións de traballo e do sistema de cotización á seguridade social dos mariscadores.

Unha loita que na masiva manifestación celebrada o 28 de marzo de 2000 sacou á luz a situación de desatención que sufría o colectivo de mariscadoras, ás que lle era imposible completar o período de cotización de 15 anos dadas as condicións que establecía o Réxime Especial de Traballadores do Mar. Conscientes desta situación AGAMAR instou o 27 de setembro de 2006 á nova Conselleira de Pesca, Carmen Gallego Calvar, a buscar alternativas á situación dos mariscadores de a pé maiores de 65 anos que non poden exercer a súa actividade ó non serlle concedido o Permiso de Explotación e por non poder completar os anos de cotización. AGAMAR quere destacar que accións e negociacións como as anteditas foron imprescindibles para facer posible unha cobertura social digna para o sector.

AGAMAR levará a cabo a tramitación administrativa destas axudas para tódalas súas socias e socios e así mesmo estará a disposición de informar a tódalas interesadas ao respecto dos contidos da nova Orde. Dispoñible na zona de descargas o folleto informativo editado pola Xunta de Galicia, así como a orden publicada no DOG na que aparece o formulario de solicitude.

Publicado en Uncategorized | Deja un comentario