‘Estratexias contra o Mar’ un artigo de opinión de Manolo Maneiro

maneiro-150x150

Manuel Maneiro

Nos últimos anos a administración galega está funcionando como un dos elementos máis destrutores do sector do Mar cando, paradoxalmente, debería ser un dos principais dinamizadores desta actividade económica. A conselleira Quintana está mostrando unha deixadez pasmosa diante de todos os problemas aos que na actualidade nos temos que enfrontar todas e todos os traballadores do noso mar. Incluso ás veces podemos falar de verdadeiras tentativas de afogo administrativo, encontrándonos nun momento no que a administración galega semella estar traballando para que se consume, canto antes, a desaparición do sector.

Podería ser que esta afirmación semellase pouco crible ou catastrofista senón fose porque os feitos e actuacións da Consellería non fan mais que reforzala. Unha das probas mais importantes pode ser a propia fusión da Consellaría do Mar coa de Medio Rural, desdebuxando o perfil propio de dous sectores básicos para a economía galega. Baixo unha suposta procura da eficacia o que realmente se está a conseguir é un estrangulamento da administración galega, se antes tíñamos unha conselleira, que non funcionaba aínda que ‘só’ tivese que atender a un sector, agora a mesma persoa é responsable de outra área de goberno, Medio Rural, de similar tamaño e importancia para Galicia. Aínda que non queda aquí a cousa, as decisións de carácter organizativo non son as únicas que están a prexudicarnos, moitas das actuacións da consellería poden levarnos a pensar que hai como unha especie de estratexia contra o sector que se manifesta en diversos episodios acontecidos nos últimos anos.

Sospeitas que se reafirman cando asistimos a feitos como o de non pagar os propios convenios asinados pola Consellaría, non pagar tampouco aos provedores, eliminar as axudas ás xubilacións ou aumentar as trabas administrativas, non é de estrañar que se poda pensar na existencia desta estratexia predeterminada contra o sector. Exemplos concretos hai moitísimos, como o da eliminación do seguro colectivo de accidentes, que desde principios dos 90 beneficiaba a máis de 30.000 traballadores e traballadoras, e que a actual Conselleira non quixo renovar obrigando a contratar un seguro previo pago. Outro exemplo poderían ser as zonas de libre marisqueo da que a Xunta non se quere facer cargo indo novamente contra os intereses xerais do sector.

Desde o sector non podemos compartir esta liña de actuación que vai provocar que deixemos pasar unha das grandes oportunidades que se nos presentan coa crise: a de tratar ao marisqueo e á pesca tradicional como unha oportunidade e non como un problema. A nosa actividade económica é fundamentalmente produtiva, crea postos de traballo no país e ten capacidade de captar capital foráneo posto que o seu potencial de exportación está mais que demostrado. Ademais, non podemos descoidar tamén a importancia medio ambiental e social que ten o sector primario, unha terra e un litoral ‘traballado’ sempre será mais respectado e coidado pola poboación fronte ao abandono ou sobrexplotación que por desgraza comezamos a padecer nalgúns puntos do litoral ou interior galego.

Esta entrada fue publicada en Uncategorized. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *