‘Do mar ao porto e do porto ao prato’, Genoveva Maneiro na web de Greenpeace

(*) Artigo publicado orixinalmente en http://www.greenpeace.org

Geno é mariscadora. Unha mariscadora é a persoa que apaña o marisco. Geno cóntanos que aprendeu o oficio da súa avoa, porque cando era pequeniña ía vela traballar e gustoulle a mar, gustoulle traballar coa natureza e ser a súa propia xefa. Geno non ten horarios, depende das mareas. 

Hai moitos anos os berberechos lle cruxían baixo os pés, agora debido á contaminación e á masificación da costa, cada vez é máis difícil ter unha boa captura. Na confraría de mariscadoras de Geno hai un biólogo que lles di canto poden apañar, e o tamaño mínimo. As mariscadoras están moi contentas co biólogo porque isto axuda a que se recupere a especie, e a que elas poidan seguir traballando.

Nas rías galegas hai moita actividade, as mariscadoras e os mariscadores a pé ou en barca, as pescantinas (mulleres dos pescadores), as conserveiras, as redeiras, os que arranxan os barcos e os pescadores artesanais, de cada posto no mar créanse catro en terra.

Durante o día de hoxe estaremos nunha destas rías, na Ría de Corcubión, favorecendo o encontro de políticos nacionais e pescadores artesanais, para que os primeiros coñezan, a través dos seus protagonistas, que é a pesca artesanal.

Imos visitar a pescadores que estarán a pescar con betas, arte pesqueira que se utiliza para capturar especies como pescadas, abadexo, salmonetes, xurelos e fanecas, noutra embarcación veremos como se capturan rodaballo, sepia e san martiño, outro dos pescadores anda ao xeito para a sardiña e para rematar a xornada pesqueira veremos como se capturan longueiróns en apnea.

A pesca artesanal en Galicia non é pouca cousa, representa o 87,66% do total da pesca galega, unhas 4092 embarcacións que enchen as rías galegas de peixe e marisco fresco. O marisqueo e a pesca de baixura, só en Galicia, xeran uns 30.000 postos de traballo directos. Concretamente onde estamos hoxe, no pobo de Corcubión hai uns 27 barcos de baixura que xeran uns 90 postos de emprego directos.

Para rematar a xornada de pesca artesanal, imos seguir o percorrido do peixe capturado, do mar ao porto, do porto ao prato. É moi importante dar un xiro no consumo e diversificar que comemos e como o cociñamos. Hoxe o artista dos fogóns Valentín Otero colaborou con Greenpeace e vainos  preparar tres pratos fríos: empanada de xurelo, sardiñas marinadas en pan de broa e pastel de escacho con algas. Un pracer artesanal e sustentable para os nosos padais!

Celia Ojeda (@Celia_Ojeda), responsable da campaña de Océanos de Greenpeace.
Vídeo: Raúl Alaejos

Esta entrada fue publicada en Uncategorized. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *