As mariscadoras galegas ven garantidas, despois de 7 anos de reivindicacións, as súas pensións de xubilación

Monumento ás mariscadoras7anosxubilación-300x160

A Asociación Galega de Mariscadores, (AGAMAR), manifesta a súa satisfacción polos contidos da Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, feita pública o pasado día 10 de Agosto, no que se establecen as bases reguladoras das axudas para que os mariscadores a pé poidan completar os períodos mínimos de cotización ó Réxime Especial dos Traballadores do Mar co obxecto de acadar pensións de xubilación. Esta norma recolle a parte central das reivindicacións que desde hai sete anos viña demandando AGAMAR, como principal impulsora nas melloras das condicións de traballo e do sistema de cotización á seguridade social dos mariscadores.

Unha loita que na masiva manifestación celebrada o 28 de marzo de 2000 sacou á luz a situación de desatención que sufría o colectivo de mariscadoras, ás que lle era imposible completar o período de cotización de 15 anos dadas as condicións que establecía o Réxime Especial de Traballadores do Mar. Conscientes desta situación AGAMAR instou o 27 de setembro de 2006 á nova Conselleira de Pesca, Carmen Gallego Calvar, a buscar alternativas á situación dos mariscadores de a pé maiores de 65 anos que non poden exercer a súa actividade ó non serlle concedido o Permiso de Explotación e por non poder completar os anos de cotización. AGAMAR quere destacar que accións e negociacións como as anteditas foron imprescindibles para facer posible unha cobertura social digna para o sector.

AGAMAR levará a cabo a tramitación administrativa destas axudas para tódalas súas socias e socios e así mesmo estará a disposición de informar a tódalas interesadas ao respecto dos contidos da nova Orde. Dispoñible na zona de descargas o folleto informativo editado pola Xunta de Galicia, así como a orden publicada no DOG na que aparece o formulario de solicitude.

Esta entrada fue publicada en Uncategorized. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *