Agamar traslada á Fiscalía gravacións de conversas que acreditarían unha presunta malversación de fondos públicos na Confraría de Cambados

cambados

Confraría de Cambados

A Asociación Galega de Mariscadoras/es (Agamar) ven de trasladar á Fiscalía unhas gravacións de conversas, coas súas transcripcións literais, mantidas polo patrón maior da Confraría de Cambados e presidente da Federación galega de confrarías, Benito González, con socios da Confraría cambadesa que acreditarían unha presunta malversación irregular de fondos públicos polo cobro ilegal de contías económicas para a vixilancia da confraría, sufragadas pola Consellería de Mar, a favor de intereses privados e o mantemento de contas correntes para recibir donativos á marxe da contabilidade da entidade.

Agamar lembra que xa hai uns meses esta asociación poñía en coñecemento da Fiscalía, a Consellería de Mar e o Tribunal de Contas a presunta percepción irregular de retribucións dinerarias de natureza pública recibidas por Benito González en calidade de presidente da Federación galega de confrarías e como patrón maior da Confraría de Cambados. A esta denuncia xa feita hai meses agora Agamar lle adxunta tamén as devanditas gravacións, co fin de ratificar e incidir nos feitos ante quen ten a responsabilidade de investigalos.

Agamar informa que estas gravacións proceden dun procedemento penal, que está levando a cabo a xuíza titular do Xulgado de Instrución número 1 de Cambados, nas dilixencias previas do procedemento abreviado número 160/20129. Nestas gravacións, que recollen conversas públicas mantidas entre o patrón maior de Cambados e socios da entidade, don Benito González recoñece no ano 2009 a disposición irregular de fondos públicos da Confraría de pescadores, a percepción de gratificacións económicas no seu propio beneficio a cargo da entidade, o cobro de percepcións económicas mensuais (2.000 euros) a titulares de bateas pola vixiancia a cargo do persoal da Confraría (cofinanciado pola Consellería exclusivamente para as autorizacións da Confraría), a existencia de contas correntes a nome de persoas particulares nas que se ingresaban “donativos” da Confraría sen precisar, nin declarar e sen figurar na contabilidade oficial e, en xeral, unha sistemática conducta de opacidade que permitía cobros e abonos presuntamente fraudulentos. Todo isto, omitindo o coñecemento por parte dos socios, da Tesourería da Seguridade Social e da Axencia Tributaria.

Curiosamente, ditos feitos xa foran denunciados polos socios do Pósito ante a Consellería do Mar e non fixo caso, argumentando a falta de competencia da Xunta para fiscalizar a disposición de diñeiro público en dita Confraría, entre outros pronunciamentos inconsistentes.

Agamar denuncia a actitude da Consellería que a día de hoxe non deu ningún tipo de reposta ás denuncias presentadas. Esta asociación considera que, a pesar de que xa están abertos dous procesos vía Fiscalía e Autoridade xudicial, a gravidade dos feitos e a contundencia das probas é tal que Mar debería intervir de xeito inmediato, aclarando, comprobando e xustificando, con absoluta transparencia, todas as actuacións denunciadas xa que ten a responsabilidade legal e ineludible de tutelar, non só ás confrarías de pescadores, senón tamén o funcionamento dos órganos de goberno das corporacións de dereito público como esta.

Esta entrada fue publicada en Uncategorized. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *