AGAMAR ofrece a súa visión sobre a pesca a pequena escala nunhas xornadas europeas celabradas en Copenhagen

natalia laiño

No pasado mes de Marzo desenvolveuse en Copenhagen unhas xornadas europeas sobre a Pesca a pequena escala en Europa nas que participou a presidenta de AGAMAR, Natalia Laiño, en representación da executiva do WFFP (Foro Mundial dos Pobos Pesqueiros). Durante catro días discutíuse a introdución das Directrices Voluntarias (VG) da FAO entre representantes de diversas organizacións e institucións de varios países do mundo como os Estados Unidos, Mauritania, Uganda, Filipinas, Africa do Sul, Francia, Islandia, Noruega, Indonesia, Suecia, Italia, Alemaña, Bélxica e a propia Dinamarca.

Nos diferentes grupos de traballo debatiuse sobre a importancia e o papel das comunidades pesqueiras tradicionais coa intención de presentar unha visión europea sobre estas Directrices plasmadas en diferentes presentacións, discusións plenarias e grupos de discusión. Presentacións que correron a cargo de Naseegh Jaffer, do WFFP e de Brian O’Riordan, do ICSF.

Ademais deste obradoiro de traballo sobre a FAO, tamén se desenvolveu unha conferencia sobre a reforma da Política Común de Pesca da UE (PCP) realizada no Christiansborg (Parlamento dinamarqués) coa participación de membros deste Parlamento, do Parlamento da UE, e de grupos da sociedade civil e académica.

A proposta de AGAMAR

Pola súa parte AGAMAR presentou un documento no que se ofrece unha perspectiva galega sobre a pesca tradicional ou a pequena escala destacando a importancia deste tipo de pesca dentro do contexto europeo e mundial. Así salientase que a pesca a pequena escala é xeradora de riqueza e emprego para as comunidades locais, ademais de ser unha actividade ambientalmente sustentábel e enormente eficiente. Tamén se deu a coñecer a realidade de Galicia como a principal área pesqueira da Unión Europea e a necesidade de que o marco legal europeo se adapte, recolla e facilite todas as modalidades de pesca galegas.

Na parte final do documento AGAMAR reafirmase na necesidade da solidariedade entre os pescadores a pequena escala en Europa, e cos do resto de países do mundo, como un dos motores da mellora social para as diferentes comunidades. O pequeno relatorio finaliza reafirmando as achegas feitas a través do ‘Comité de Pesca da FAO’ (COFI) para a elaboración desta ‘Guía internacional Voluntaria’.

Esta entrada fue publicada en Uncategorized. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *