Agamar denuncia a redución nun 20% das partidas para os servizos de vixiancia dos bancos marisqueiros e pesqueiros

vixiantes

Mariscadoras

A Asociación Galega de Mariscadoras/es (Agamar) ven de rexistrar na Consellería do Mar un escrito no que se lle recrimina a redución anunciada por Mar dun 20% das partidas económicas destinadas ó financiamento e execución dos servizos de vixiancia e asistencia técnica dos bancos marisqueiros e pesqueiros. Ó tempo que a Consellería propón un “período de reflexión” sobre estes recortes en canto ó número de persoal adicado a estes servizos, así como, o estudo de fórmulas mancomunadas que serían priorizadas e baremadas de forma porcentual.

Agamardenuncia que se pretenda implementar este tipo de medidas a un sector que está xa practicamente abandonado pola Administración, que está a sufrir a progresiva diminución de ingresos nas lonxas e os impagos e descubertos derivados de operacións mercantís por parte de compradores, comercializadores e particulares. Isto require medidas urxentes de apoio ás confrarías, cooperativas, organizacións de produtores e asociacións profesionais, todo o contrario ao que pretende a Xunta. Estas medidas de recortes axudarán ó estrangulamento económico, e case definitivo, dun sector que reclama e esixe medidas valentes de investimento e crecemento para o seu desenvolvemento.

Non obstante, como ven facendoAgamarhabitualmente, esta asociación non vai deixar de aproveitar o que eles chaman o período de “reflexión” para facer achegas a favor do sector sen mermar a estabilidade económica e financeira da Comunidade autónoma. Trátase de reorientar unha serie de recursos que xa existen a día de hoxe.

A primeira destas medidas é a creación dun fondo público autonómico de garantía que soporte os impagos que sufren as confrarías, cooperativas, organizacións de produtores… Rigor, obxectividade e rapidez debe ser o mecanismo máis eficaz e de máis frecuente utilización en conxunturas como a presente, en que as situacións de crise propician a aparición de débedas crediticias que esixen o máis urxente e debido amparo. Hai que evitar que os produtores de base que, noutro caso, se verían forzados non xa só a seguir longos procedementos xudiciais ordinarios ou concursais, moitas veces con total ineficacia nos seus resultados, senón, incluso, a non poder atender adecuadamente necesidades, en ocasións de carácter urxente, perentorias e obrigatorias para o bo fin do seu obxecto social.

Os recursos para dotar este fondo terían a súa orixe nas cantidades obtidas pola Administración a cargo da tarifa G-4 (servizos á pesca fresca, marisqueo e acuicultura mariña); as consignacións que se fixen nos Orzamentos galegos; e outras que se poidan prever nas leis.

Precisamente, en relación á taxa G-4, Agamardemanda na actual conxuntura o seu reinvestimento, en parte, no financiamento da vixiancia e asistencia técnica en xusta proporción ós recortes previstos pola Consellería.

A taxa G-4 imponse, en gran medida, sobre as transaccións comerciais das especies que se venden en lonxa, así como, destinado á contribución do uso de espacios portuarios.Agamar, en orde a mellorar e apoiar a xestión económica destas entidades, propón á Consellería do Mar a priorización e investimento dos ingresos recibidos por Portos de Galicia, que a fin de contas proceden do resultado do ciclo económico-produtivo da actividade extrativa, pesqueira e marisqueira, e a súa comercialización para oreintalos e canalizalos de modo preferente e, así, soportar a redución das partidas previstas para a vixiancia e a asistencia técnica dos biólogos contratados polas confrarías e demais asociacións, deixando aparcados outros investimentos portuarios que poderían agardar ata que se normalice a situación económica.

Ademais,Agamarconsidera que as medidas que pretende impoñer a Consellería, como o uso a tempo parcial ou fórmulas de servizos mancomunados, a priori, parecen incompatibles ou de difícil encadre no ordenamento xurídico e, por enriba, actuarían en detrimento directo e prexudicial da calidade e entidade dos servizos que necesita, imperativamente, o sector extractivo nestes momentos.

Esta entrada fue publicada en Uncategorized. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *